O Concello confía en que as obras poidan comezar o próximo ano.
O pleno da corporación aprobou por unanimidade o plan especial de infraestruturas e dotacións que permitirá ao Concello poñer a parcela a disposición da Xunta de Galicia, que será a a encargada de acometer a construción. Tras a aprobación plenaria da pasada semana, o plan permanecerá en exposición pública durante os dous próximos meses. A continuación, o Concello remitirao á Xunta de Galicia para recibir os pertinentes informes sectoriais e a aprobación urbanística da Consellería de Medio Ambiente e Territorio. Unha vez finalizados todos estes trámites a corporación local deberá aprobar definitivamente o plan para dar paso á expropiación da parcela de 8.000 metros cadrados onde se construirá o novo ambulatorio. O alcalde, Agustín Reguera, mostrouse confiado en que as obras se inicien en 2022. Reguera sinalou que neste sentido teñen traballo adiantado “porque xa dispomos de todos os servizos necesarios xunto á parcela”. O novo Centro de Saúde contará cunha superficie construída de 1.500 metros cadrados e máis de 6.000 metros dedicados a zonas de aparcadoiro e servizos. Substituirá ao actual ambulatorio de Arcade e ao consultorio de Soutomaior, e terá capacidade suficiente “para acoller a novos médicos que alivien a situación da atención sanitaria no municipio” apunta Reguera.
Desde o BNG, que tamén apoiou o plan, lamentan que a parcela escollida para a construción do ambulatorio sexa “a peor das posibles”. O voceiro do Bloque, Manu Lourenzo, sinalou que “dará problemas de tráfico na zona, e non ten apenas posibilidades para medrar no futuro”, ademais de atoparse “pegado a un aserradeiro de pedra”. Con todo, o BNG non se opuxo á proposta do goberno local “porque Soutomaior precisa un novo centro de saúde”. Advertiu tamén que este proxecto non pode servir como “cortina de fume” ao actual problema de falta de médicos no municipio. Lembrou que “os veciños levan un mes sen pediatra e as citas para médico de familia teñen máis de dúas semanas de atraso”.