Profesionais sanitarios e sindicatos denuncian que a situación da atención primaria esta a volverse “insostible” nos centros da comarca de Redondela, algo común ao resto da área sanitaria de Vigo e tamén no conxunto de Galicia. Sinalan que a situación xa era difícil desde hai anos pola falta de persoal, e que se agravou coa pandemia da Covid. Esta quinta vaga, con cifras moi elevadas de contaxios, está a deixar unha porcentaxe menor de hospitalizados, pero si un gran incremento de pacientes en atención primaria. Pilar Rodríguez, de CIG Saúde, explica que coincidindo coas vacacións do persoal os centros de saúde están nunha situación “insostible”. A maioría dos ambulatorios están a un 50% de persoal sanitario. O seguimento dos pacientes, control de contactos, probas PCR, xestión de baixas laborais ou certificados de vacinación, xunto coa atención ao resto de pacientes supón “sobrecarga” tanto para os sanitarios como para o persoal administrativo.
Os médicos están a atender a unha media de 50 pacientes diarios en Redondela, e as axendas chegan a superar nalgúns ambulatorios as 60 persoas. A situación máis preocupante nesta comarca é a do Centro de Saúde de Pazos, que esta semana estivo sen médico tanto o martes como o mércores, “nun municipio coa poboación avellentada e con dificultades para desprazarse a outros ambulatorios”. Os pacientes urxentes foron derivados a Fornelos, onde só hai un facultativo, ou a Redondela, onte faltan 5 médicos e con baixas que levan ata seis meses sen cubrir. En pediatría de 4 especialistas adscritos ao centro só consultan 2. En Chapela actualmente só están cubertas 4 das 6 prazas de médicos.
Listas de espera e atención telefónica
As listas de espera superan os 15 días na maioría dos casos, chegando ata as 3 semanas en moitas ocasións. A atención segue a ser principalmente telefónica, o que xera moitas queixas entre os pacientes. Os traballadores explican que “non é unha decisión dos sanitarios”, senón da administración.
Esta sobrecarga de traballo está a afectar a saúde do persoal. Acumulan ano e medio de sobrecarga de traballo por mor da pandemia, que condiciona os seus permisos e vacacións “e danse casos de tensión e esgotamento”. O Sergas xustifica a falta de sanitarios “pola imposibilidade de atopar substitutos”. Profesionais e sindicatos advirten que esta situación é o resultado “de anos de mala xestión e condicións de traballo precarias” que levaron aos médicos a buscar estabilidade laboral “noutras comunidades ou mesmo no estranxeiro”, apunta Rodríguez. Como exemplo sinala que dos 16 facultativos que remataron a súa formación como médicos de familia na área de Vigo, “tan só 5 quedaron a traballar nesta zona”.
Os sindicatos sinalan que a situación correxirase algo unha vez rematadas as vacacións de verán, “pero esta mellora non será substancial” xa que a falta de persoal arrástrase desde hai anos.