O goberno local de Redondela iniciou, nestes días, a renovación de bancos e papeleiras optando por “deseños máis actuais e funcionais e con materiais de longa duración que minimicen o seu mantemento”, informou a alcaldesa, Digna Rivas. Os traballo, ao abeiro do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, permitirán a substitución de papeleiras nas rúas Xeneral Rubín, Ribeira, Alfonso XII, Pai Crespo, José Regojo e Paseo da Xunqueira. Os bancos, pola súa banda, substituirán aos actuais que se atopan no paseo da Xunqueira. En canto aos materiais, para as papeleiras optouse por unha estrutura e cubeta de aceiro con tratamento ferrus, que garante unha óptima resistencia á corrosión. No que aos bancos fai referencia, contan con pes de fundición –co mesmo tratamento anticorrosión que as papeleiras– e seis taboleiros de madeira tratada con protector funxicida, insecticida e hidrófugo.
O mobiliario substituído que estea en boas condicións, será reubicado nas parroquias que así o solicitaron previa preparación do mesmo. Rivas salienta o feito que esta renovación do mobiliario urbano “amais de modernizar a imaxe do casco urbano, permitirá que as parroquias poidan dispoñer do material substituído logo de ser revisado e recuperado para que quede en perfecto estado de uso”.