Hai un mes, o pasado 13 de xullo, desaparecía en Arcade Manuela Barbosa, de 66 anos e con problemas de saúde. A familia volve facer un chamamento a quen puidese recoñecela ou dar algunha pista e pide que o caso “non quede no esquecemento”. A súa filla, Raquel Álvarez Barbosa, pide tanto á cidadanía como as forzas e corpos de seguridade que sigan buscando.
A familia recoñece que o tempo “xoga na contra” logo de que os traballos de busca segan sen arroxar pistas sobre o posible paradeiro de Manuela. Agradecen a colaboración dos veciños que desde o primeiro día colaboraron nas diferentes batidas que se organizaron. Agora os operativos de busca continúa por parte de Protección Civil e Garda Civil, que rastrexan casas abandonadas e fincas.
Raquel Álvarez lamenta que a autorización do xulgado para rastrexar o móbil de Manuela tardase unha semana desde a súa desaparición. Sinala que de facerse máis rápido “a miña nai podería estar con nós”. Entende a familia que “as leis hai que cumprilas” pero argumentan que en casos de persoas con enfermidades mentais “debería actuarse doutro xeito”.
Os investigadores non descargan que Manuela puidese saír da provincia a outros puntos de Galicia ou Portugal. Non descartan que collera algún medio de transporte xa que, malia que ía sen documentación, levaba cartos. Natural de Soutomaior e con residencia en Redondela, visitaba Arcade e Soutomaior con asiduidade por motivos familiares. Foi no centro de Arcade onde a viron por última vez. No momento da desaparición levaba un vestido amarelo escuro con estampado de flores, bolso marrón e unha máscara negra. Quen poida recoñecela que dea aviso ao 112 ou á Policía Nacional.