A exhibición retómase logo da súa cancelación, a finais de xullo, por mor da Covid-19. O acceso será nas mesmas condicións: gratuíto, previa retirada de convites, a partir das 20.15 no propio recinto da lonxa.
A nova curta documental da cineasta redondelá Diana Toucedo proxéctase mañá domingo na lonxa de Cesantes. “Tatuado nos ollos levamos o pouso” é o título da curtametraxe que produce Sinsalaudio como actividade paralela ao festival Sinsal, e conta coa participación do Concello de Redondela. Trátase dun traballo que Toucedo comezou a rodar o pasado verán an enseada de San Simón con mariscadoras e mariñeiros da Confraría de Redondela. É un sector co que Toucedo ten moitos lazos familiares “son veciña de Cesantes, meu pai e avó dedicáronse ao mar, e miñas avoas foron mariscadoras”.
A presentación terá lugar mañá domingo 15, ás 20.45 horas, na lonxa de Cesantes e o acto contará cunha charla na que participarán a directora, o programador Javier Trigales, a artista BFlecha que pon música ao documental, e tamén mariscadoras e mariñeiros da Confraría de San Xoán de Redondela. O acceso á presentación será gratuíto previa retirada de entradas, a partir das 20.15 horas, no propio recinto da lonxa redondelá.