Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Un espazo “amable” para a mocidade na contorna do Multiúsos da Xunqueira

Multiúsos da Xunqueira

O Concello de Redondela vén de iniciar os traballos de recuperación e posta en valor da contorna do Multiúsos coa creación dunha zona axardinada dotada con bancos que contarán con puntos de recarga para os dispositivos móbiles. A zona estará dotada de rede wifi. Unha actuación que busca recuperar un espazo habitual de reunión da mocidade.

A parte traseira do edificio da Xunqueira é tradicionalmente zona de reunión da adolescencia do municipio polo que, segundo explican dende o Concello “era preciso ofrecerlles un lugar máis axeitado para o ocio e a socialización”.

Actualmente o estado de deterioro era evidente e no propio informe técnico do proxecto sinálase que “o mantemento non é adecuado xa que o pavimento vese deteriorado, con faltas de xabre e na súa totalidade esténdese o crecemento incontrolado de herba”.

A actuación que se está a realizar permitirá, polo tanto, transformar unha zona infrautilizada nun lugar máis “amable”, gañando un novo espazo público para goce da cidadanía.

Os traballos inclúen o aporte de xabre, terras e nivelación, compactado da superficie para, posteriormente dotar á zona dun piso de pavimento en formigón pulido, nunha parte e noutra dotala de céspede.

Unha vez rematados estes primeiros traballos, desenvolveranse todos os de xardinería e os encamiñados a dotar de mobiliario urbano o espazo con muros de fábrica de bloque de formigón e taboleiro cerámico revestido e, os asentos, rematados con madeira.

A maiores os bancos contarán con puntos de recarga para os dispositivos móbiles e a zona estará dotada de rede wifi.

Para maior aproveitamento do espazo, será dotado dunha grande luminaria para un correcto alumeado da zona. Finalmente, o proxecto inclúe a reparación das escaleiras do multiúsos e a reparación e mellora da recollida de augas pluviais.

“Unha obra pensada e realizada para recuperar unha zona céntrica de Redondela” sinalou a alcaldesa Digna Rivas quen lembra que todo o espazo é “perfectamente visible dende a outra beira do río, tanto a pé como en coche, e ofrecía un lamentable aspecto de abandono”.

Un espazo para a mocidade

Rivas asegurou que, como todas as actuacións que desenvolve o Concello, “está estudada e deseñada para que sexa totalmente accesible” polo que “a pavimentación e o mobiliario colócanse nunha zona sen desnivel, espazos horizontais de xiro de 1,5 metros de diámetro e cumprindo con todas as distancias e normativas aplicables”.

Finalmente, Digna Rivas fixo fincapé en que esta obra de recuperación e posta en valor da contorna do Multiúsos da Xunqueira, que se realiza a través do Plan Concellos 2019, “non é unha actuación illada, senón que responde a un plan global posto en marcha polo Goberno local, para recuperar espazos públicos para a cidadanía”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará