Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Amarturmar: o turismo de experiencias que gaña adeptos en Redondela

A ruta do xeito é unha das propostas de Amarturmar

Os visitantes que chegan a Redondela descobren outra forma de facer turismo. O turismo mariñeiro que nos propón Amarturmar. Unha iniciativa que busca poñer en valor o traballo no mar ao tempo que enriquecer a oferta turística no noso municipio. Este semana ofertan dúas rutas: a do marisqueo a pé que terá lugar este martes 24 ás 10:00 horas e a “ruta do xeito” o venres ás 21:30. As persoas interesadas poden informarse e inscribirse no teléfono 621020775 ou no enderezo amarturmar@gmail.com.

A experiencia de achegarse ao traballo no mar supón unha oferta diferente nun concello cunha forte vinculación a este ámbito laboral. Partindo das diferentes artes que se traballan na Confraría, dende Amarturmar organizan rutas diversas que convidan a coñecer o traballo do marisqueo a pé ou a subirse a unha embarcación para pescar sardiñas.

Logo de superar o parón imposto polo Covid, retomaron novamente a actividade con grupos reducidos e con moitas incógnitas. Con todo, ao tratarse dunha proposta ao aire libre lograron superar as expectativas e continúan organizando rutas que convencen aos turistas pero tamén aos locais que poden vivir en primeira persoa o traballo de mariscadoras e mariñeiros.

A cita máis próxima é este mesmo martes cunha ruta de marisqueo a pé onde os participantes baixarán a praia a facer a actividade de extracción e aprenderán a diferenciar as diferentes especies que se poden atopar no areal “incluso ovos de polbo”. A proposta dura hora e media e ten un custe e 8 euros, segundo nos explicaba a presidenta de Amarturmar, Nuria Novelle.

Nuria Novelle fálanos da experiencia do marisqueo a pé

O vindeiro venres a proposta é nocturna, “A Ruta do xeito” onde os participantes durante dúas horas compartirán embarcación cun mariñeiro que realizará as labores propias do xeito: a solta das redes e a retirada do peixe que queda nos aparellos. Os que o desexen poderán incluso participar activamente colaborando na captura da sardiña con esta arte tradicional. E todo iso acompañados dun experimentado mariñeiro que irá dando as oportunas explicacións e respondendo a todas as curiosidades dos turistas. Neste caso o prezo é de 20 euros.

A ruta do xeito é unha das máis apreciadas polos participantes

Unhas iniciativas que buscan potenciar o mar como recurso turístico ofertando experiencias únicas  que atraen a diferentes perfís, dende os grupos formados por alumnado ou procedentes de diferentes asociacións ata o turismo máis familiar durante o verán. 

Un perfil moi variado de usuarios
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará