Os axentes conseguiron agarralo antes de que se precipitara dende a ponte.
Unha patrulla de axentes da Policía Local rescataron na tarde de onte a un mozo, veciño de Redondela de 48 anos de idade, que tiña intención de suicidarse tirándose dende o viaduto sobre o campo da feira.
A alerta dérona varios veciños quen, ao redor das 20:40 horas da tarde, chamaron ao 112 para avisar da presenza dunha persoa no medio da vía na zona do apeadeiro da Picota. Os axentes desprazáronse ata o lugar e xa atoparon a esta persoa na metade do viaduto con claras intencións de precipitarse ao baleiro. A rápida intervención dos axentes, que chegaron ata el á carreira, evitou o fatal desenlace. O home manifestou o seu desexo de acabar coa súa vida e foi preciso reducilo e inmobilizalo pola forza que opoñía.
Finalmente unha ambulancia do 061 trasladouno ao Hospital Álvaro Cunqueiro para a súa valoración.