Os centros educativos de infantil e primaria comezarán a traballar ao 100% este mesmo xoves día 9, cando regresen ás aulas os 248 nenos e nenas matriculados en Educación Infantil e os 1.381 de educación primaria, segundo datos da Consellería de Educación. Unha cifra que constata un descenso no número de rapaces “unha caída que responde a un descenso xeneralizado da natalidade” explica a edil de Ensino, Olga García, quen tamén pon de manifesto a preocupación nalgúns dos centros “a matrícula nova en nenos de 3 anos pegou un baixón moi importante o que fai que algún colexios non conten cun mínimo de dez nenos que é o que establece a Consellería para manter as aulas”.
Unha situación que de manterse no futuro suporía que neses centros se tiveran que xuntar varias aulas nunha mesma clase, con nenos de diferentes idades. Indirectamente suporía tamén un recorte no profesorado.
Unha preocupación que se engade a un inicio de curso no que xa están en marcha os protocolos para garantir a seguridade nas aulas. Medidas que son as mesmas do ano pasado: entradas escalonadas, restricións de vehículos nalgúns centros, uso de hidroxel e máscara obrigatoria. García lembra tamén que dende o concello fan un esforzo a maiores para manter “unha limpeza adicional en todos os colexios coa contratación dunha empresa que se encargada de garantir esa hixiene extra”.
A edil reuniuse nas últimas horas cos representantes das Anpas, que busca tamén neste cursos recuperar unha relativa normalizade coa organización de actividades extraescolares que se suspender pola pandemia “este ano hai varios centros que están animados e queren organizar actividades, puxémolos en contacto cos clubs deportivos do municipio para que a través deles poidan realizar algún tipo de proposta na que estes clubs xa teñen experiencia”.