A abstención da oposición “por responsabilidade” permite aprobar unha prorroga excepcional do SAF que seguirá prestando a empresa Valoriza alo menos ata o 31 de decembro ou ata que se aprobe o novo prego para proceder a unha nova adxudicación. O contrato remataba este mércores día 15.
A empresa Valoriza seguirá así prestando este servizo que atende a máis de 150 persoas dependentes do concello de Redondela. Unha aprobación in extremis xa que o 15 de setembro remataba a contratación actual. Todos os grupos da oposición foron moi críticos co grupo de goberno a quen lle recriminaron esperar ata o último momento para facer unha proposta que, no caso de non aprobarse no pleno de hoxe, suporía que os usuarios deixaran de recibir o servizo e as traballadoras quedaran sen emprego.
Unha prorroga con incremento económico que saiu adiante cos únicos votos a favor dos sete membros do goberno local, mentres que os concelleiros de PP, AER e BNG optaron pola abstención “por responsabilidade e para non deixar as persoas usuarias sen un servizo indispensable para elas e para as súas familias”.
Na súa intervención o voceiro do BNG, ademais de criticar o PSOE “que se comportou de forma irresponsable ao esgotar os prazos, cando a estas alturas xa deberían estar feitos os pregos para unha nova contratación”, instou tamén a estudar a remunicipalización do servizo tendo en conta ademais que “durante a pandemia a empresa actual amosou que non foi quen de dar un bo servizo nin de respectar os dereitos das traballadoras”.
Insistiu tamén na súa intervención na necesidade de que o goberno negocie cos grupos da oposición “se a súa estratexia é traer os temas nun momento extremo, que non conten con nós”.
No mesmo sentido se manifestaba Roberto Villar de AER, quen explicaba que “por responsabilidade non imos votar en contra desta proposta, pero tampouco a imos apoiar”. Chegado este punto, engadía “estamos entre a espada e a parede, porque ou se aproba esta proposta ou o servizo deixa de prestarse”. Concluía a súa intervención instando tamén a que se estude a posibilidade de que o servizo pase a prestarse directamende dende o Concello.
Dende o PP afirmaba Carmen Amoedo que esta é unha mostra máis da “incapacidade do PSOE para gobernar porque están a prexudicar a administración con acordos in extremis asumindo un prezo que os servizos xurídicos do concello non poden valorar” en referencia a que durante o tempo que se prolongue o contrato a partir do 15 de setembro a empresa cobrará máis do establecido no contrato inicial.
Un incremento que a concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa xustificaba polo aumento dos custes que ten que afrontar a empresa a raíz da pandemia e a compra de material de protección fronte ao COVID, o incremento do custe de combustible polos desprazamentos ou o aumento da masa salarial, entre outros motivos. Asegurou tamén que nunca se presentou queixa alguna contra a empresa por parte dos usuarios. Insistía en que había que aprobar a prorroga para non suspender un servicio indispensable os 365 días do ano.