Un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias, integran xa esta rede que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo. Pertencer a Rede REMA permite aos seus integrantes acceder a circuítos de exposicións temporais, a participar de actividades variadas como sorteos, seminarios formativos ou propostas para escolares. A concelleira de Turismo María Castro, amosa a súa satisfacción por ter logrado este obxectivo nada máis chegar ao departamento e anuncia que están a traballar xa nun proxecto de dixitalización da batalla.
A Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (Rede REMA) amplía o seu número de integrantes coa incorporación de cinco novos museos entre os que se atopa o Centro de Interpretación da Batalla de Rande “Meirande” de Redondela así como o Centro de Interpretación da Conserva da Illa de Arousa, o Museo Muiño da Seca de Cambados e o Museo Salgadeiras de Moreiras do Grove. Tamén se estrea na rede a “Aula do Mar” de Mera, pertencente ao GALP Golfo Ártabro Sur.
Deste xeito, un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias, integran xa esta rede que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo. Desa cantidade, 34 pertencen a Galicia e os dous restantes están situados en Portugal e Asturias.
A Rede REMA é unha organización especializada na posta en valor dos contidos relacionados coa cultura mariñeira atlántica europea. O obxectivo da asociación é lograr que o patrimonio material e inmaterial ligado ao mar sirva de nexo entre os diferentes pobos do arco atlántico europeo.
Os cinco museos comezarán a participar nas distintas actividades organizadas polo proxecto. Ata o de agora, a Rede REMA organizou tres circuítos de exposicións temporais, puxo en marcha unha competición para escolares baseada nun escape room virtual e editou unha guía e paneis dos seus museos. Tamén se organizaron seminarios formativos e estase levando a cabo un sorteo de cestas de produtos mariñeiros para todos aqueles que obteñan os selos de cinco museos no seu Pasaporte
Castro adianta que outra das accións encamiñadas a poñer en valor este museo pasa pola dixitalización da batalla de Rande polo que están a traballar na solicitude dunha subvención aos GALP.