Animan a mozos e mozas a partir dos 16 anos a achegarse ao club e probar unha disciplina “que engancha”
O CCD Cesantes Rodavigo arranca a temporada 2021/22 cun cento de remeiros e remeiras de todas as categorías. Comezan os adestramentos e fano cun chamamento para animar á mocidade a que se sume a esta gran familia do remo de Cesantes. Sergio Vilas, da directiva do club, explica que o seu obxectivo é incrementar o número de deportistas de 16 anos en diante, tanto homes como mulleres. Buscan consolidar a canteira e asegurar o futuro da traíña, unha embarcación que precisa de 12 tripulantes máis o patrón ou patroa. Por iso é necesario contar cun mínimo duns 20 deportistas por barco “para suplir baixas por lesións ou compromisos dos remeiros”, sinala Vilas.
No club teñen marcado un ambicioso reto para esta temporada que comeza: contar coa primeira traiñeira feminina de Cesantes. Hai un ano que un grupo de mulleres comezaron a adestrar no club, pero precisan de máis remeiras para poder participar na competición.
Desde o club animan á mocidade a “probar” no CCD Cesantes “sen ningún compromiso”, e aseguran que os que o fagan poderán coñecer de primeira man “todo o que este deporte ofrece”. Vilas, que tamén é adestrador do equipo de veteranos, destaca os valores que se transmiten neste deporte de equipo “que engancha”. O feito de estar no mar ao aire libre “é unha sensación que non ofrecen outros deportes” e necesítase “facer equipo cos compañeiros e moita compenetración para que o barco vaia ben”.
O CCD Cesantes Rodavigo, que milita na máxima categoría do remo galego, na LGT-A, confía en seguir sumando éxitos coa incorporación de novos deportistas. Todos os interesados poden poñerse en contacto co club a través no teléfono 722.28.38.90, no correo electrónico ccdcesantes@gmail.com ou na web www.clubremocesantes.com.