Foi un traballo a contrarreloxo. O alumnado do obradoiro de cantería “Redondela Máis que Bela” tivo que traballar arreo para retirar os grafittis (asinadas por un tal Vorax) que apareceran no Lavadoiro de Laredo de Arriba cando viñan de rematar a súa restauración. Un obradoiro que acababa hoxe mesmo e que tivo ata a última hora ao seu alumnado traballando na eliminación das pintadas.
Logo de empregar diferentes sistemas de limpeza que non deron resultado, finalmente o alumnado de cantería optou por abuxardar a pedra, logrando finalmente recuperar o aspecto do lavadoiro.
O acto de vandalismo tivo lugar a mediados de mes cando xa esta practicamente rematado o traballo de restauración deste elemento do patrimonio que se atopaba agochado entre a maleza na zona de paso entre Laredo de Arriba e Abaixo. Ademais de limpar a contorna, procedérase a actuar directamente sobre a estrutura rehabilitando o acceso de pedra e recuperando o lavadeiro que pola acción dos anos e a falta de mantemento presentaba moitas filtracións. Un traballo que se viu arruinado pola acción dos vándalos e que obrigou a acometer un traballo extra de limpeza cando o obradoiro estaba a piques de rematar.
Polo de agora, aínda non foi localizado o autor ou autores das pintadas, malia que este feito foi denunciado ante a policía.