Terceira Nacional
Deportivo Fabril 1-0 CD Choco
O tanto de Davicín, ex xogador do cadro redondelán no minuto 33 de partido, valeulle os tres puntos ao Fabril. O primeiros vinte minutos foron case de tenteo por ambos os equipos, sen que nin uns nin outros fosen quen de chegar con perigo a meta contraria. Aos 25 de partido chegou a primeira ocasión para os visitantes tras unha falta lateral que recolleu Berni ao bordo da área para disparar duro pero por fóra da meta coruñesa. A primeira dos fabrilistas terminou en gol. Davicín puxo o 1-0 no marcador rematando en boca de gol un bo centro de Iván desde a dereita.
A partir de aí o partido animouse. O propio Davicín primeiro e o ferrolán Sanmartín despois, gozaron de senllas ocasións para o 2-0. O Choco non baixou os brazos e tivo as súas ocasións antes do descanso con dous remates de Félix de cabeza e de Juanma que marcharon fóra por moi pouco.
O segundo tempo foi de claro dominio choqueiro. Juan Amoedo foi a por o partido. Caloi e Hugo Sanmartín foron os primeiros en entrar para reforzar o medio campo e a ofensiva visitante. No 69 Félix disparou desde fóra da área pero Alberto atrapou sen problemas o disparo. O Choco puxo toda a carne no asador, pero o Fabril foi moi sólido en defensa e o Choco estivo desatinado en ataque. Ao final tres puntos para un Fabril que soubo conservar a vantaxe.
Agora o Choco é o pechacancelas da categoría, con tan só un punto. Hai que lembrar que disputou unicamente 3 das 5 xornadas, tendo un encontro aprazado por Covid. Mañá martes reciben en Santa Mariña ao S.D. Sofán. O equipo de Carballo chega a Redondela moi necesitado de puntos, ao sumar tan só dous empates nas cinco xornadas, e é o equipo máis goleado da táboa. Ás 17.00 horas.
Fabril : Alberto; Iván, David Suárez, Barcia, Currás (Juan Rodríguez 65); Runy (Barba 65), Fabio (Nájera 65), Sanmartín (Mario 89), Brais Val, Peke (Víctor 63); Davicín.
Choco : David; Ronald, Alberto, Kopa, Antón (Caloi 63); Comis (Toni 84), Rancaño (Hugo 63), Álex Pérez; Berni, Félix (Meceira 78), Torres (Tomás 78).
Goles: 1-0 Davicín minuto 33.
Fútbol Sala Terceira Nacional
Campito 5-5 Vigo 2015
Os de Santi Domínguez conseguiron un excelente resultado no partido ante o conxunto vigués, un dos máis fortes da categoría e que ata o de agora contaba todos os partidos por vitorias. Un punto que deixa ao Campito no 14º posto da táboa. Na próxima fin de semana os de Chapela desprázanse para xogar na pista do Bueu, 9º clasificado.