A primeira remesa de semente de ameixa financiada polo goberno local para apoiar ao sector do marisqueo tras as perdas derivadas da mala climatoloxía do pasado inverno chegaba á Confraría na xornada de onte. O investimento municipal ascende até os 30.000 euros, co que o pósito puido adquirir case 1.500kg de semente, uns 1,9 millóns de unidades.
A medida pretende axudar ao sector marisqueiro tras uns meses nos que as taxas de mortalidade dos moluscos disparáronse pola gran cantidade de choivas e o seu impacto na salinidade da auga, chegando a alcanzar cotas do 90%.Con esta axuda, espérase que a Confraría poida facer fronte á nova campaña de sementado de ameixa nos bancos marisqueiros de Arcade e poida recobrar a normalidade tras uns anos problemáticos debido á inestabilidade meteorolóxica.
A primeira parte do pedido, algo máis de 700kg e 900.000 unidades de semente será utilizada polas mariscadoras para sementar as zonas intermareais de Estralo e Alvedosas. A segunda metade da compra destinarase a semente do marisqueo a flote e está previsto recibila leste mesmo venres. Todas as unidades de semente proveñen da zona de Rianxo e teñen un calibre medio de entre 15 e 18 milímetros.
A adquisición da semente de ameixa se financiou exclusivamente con fondos propios do Concello de Soutomaior a través do remanente de tesouraría acumulado e levou a cabo a través da firma do preceptivo convenio de colaboración coa Confraría.