Con tres semanas de atraso con respecto ao calendario previsto, a pasada fin de semana comezaba por fin a liga de fútbol sala na Preferente. Logo dun ano sen competir comezou a campaña para o Redondela Maramar, que comparte categoría cos clubs veciños de Arealonga e Pazos. A primeira xornada foi moi positiva, con vitoria para Redondela e Pazos e empate para o Arealonga. O coordinador do club redondelán, Fran Iglesias, amósase moi satisfeito coa estrea da temporada. Para o club poder regresar á competición xa é “un éxito” e poder facelo cunha vitoria ante o Baíña resulta “aínda mellor”.
O equipo mantense con boa parte do bloque que tiña e Varo Gil como adestrador, pero incorpora tamén importantes novidades como o veterano Juan Puertas. Outros xogadores como o porteiro, Naka, que tamén é adestrador no club, son tamén un referente no vestiario. Xunto cos xogadores da que foron subindo da base conforman un equipo competitivo.
En canto aos obxectivos que se marcan para esta temporada, no club son prudentes e rexeitan o cartel de favoritos para a loita polo ascenso. O coordinador sinala que logo dun ano sen competición pode haber “moitas sorpresas”, xa que na categoría hai moitos equipos descendidos de Nacional. O Redondela Maramar evitar fixar unha meta concreta e seguen a filosofía “cholista” de traballar “partido a partido”
Na próxima xornada repiten como locais. O sábado reciben ao Cios Vigo Mondariz no pavillón da Marisma. Un encontro que Iglesias augura será “complicado” e que preparan con varias baixas
O F.S. Redondela busca este ano recuperar folgos para volver á normalidade logo da pasada temporada marcada pola pandemia da Covid. Iglesias recoñece que foi un ano “moi duro” para o club, que decidiu parar de adestrar “por precaución”. Neste tempo o Redondela F.S. perdeu xogadores e tamén algúns equipos de categorías inferiores que agora pretenden recuperar “pouco a pouco”. Directiva, xogadores e corpo técnico comezan con ilusión a nova campaña, e animan á rapazada a achegarse á disciplina do fútbol sala.