O BNG manifesta que “o escurantismo rodea este tipo de proxectos” pero que, en base a información recabada, “cabe a posibilidade que se constrúan dous parques eólicos con muíños de entre 145 e 175 metros de altura, o dobre de altura dos construídos ata agora” que afectarían aos montes de Reboreda, Quintela e Ventosela onde poderían instalarse ata tres dos muíños que conforman os dous complexos.
Segundo a información que manexa o BNG existiría a posibilidade de que se construísen varios parques eólicos entre os concellos de Pazos, Soutomaior e Redondela. Un situaríase entre os concellos de Pazos e Redondela con dez muíños de vento “dous dos cales se contruirían nos montes de Reboreda ou mesmo en Quintela”, alerta o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González.
Engade que, presumiblemente, entre os concellos de Pazos, Soutomaior e Redondela, tamén se constrúa outro parque cun menor número de muíños “ubicándose un muíño nos montes de Ventosela”.
Consideran dende o BNG que a instalación destes parques de vento implicarían un “enorme impacto ambiental moi negativo tanto para a Enseada, Rede Natura 2000, para a flora e fauna dos nosos montes, como para o patrimonio arqueolóxico”. Denuncian que baixo a máscara dunha mal chamada produción enerxética verde, agóchase unha sobreexplotación do monte, cun negativo impacto visual, acústico, construción de pistas, afeccións arqueolóxicas, patrimoniais, e á flora e fauna da nosa contorna.
Destacan dende a organización nacionalista que o goberno de Feijóo actuou con total opacidade e escurantismo, ao aprobar en plena pandemia este tipo de parques de muíños de vento. Sinalan que ademais do proxecto de Pazos e Fornelos de Montes, xa está moi avanzado o que afecta á Serra do Suído.
Afirman ademais que as propias empresas xa teñen sondeado moitas comunidades de montes, “prometendo grandes sumas de diñeiro e agochando o negativo impacto que para o noso entorno natural vai supor a instalación destas construcións”.
Finalmente o voceiro do BNG, Xoán Carlos González, afirma que “o goberno galego está actuando de costas á veciñanza, facilitándolle ás empresas que constrúan parques eólicos nos nosos montes sen ningún tipo de criterio. Estamos a tempo de deter un dos proxectos de impacto máis negativo sobre os montes das últimas décadas”.