A concellería de Igualdade deste concello arranca esta fin de semana a Campaña co gallo do día Internacional contra as violencias machistas. Baixo o lema Ultravioleta ten coma principal obxectivo poñer o foco sobre as violencias menos visibles, mais non por iso menos perigosas ou menos presentes na nosa sociedade.
A luz Ultravioleta ou luz negra, ten entre outras aplicacións prácticas, na ciencia forense, a posibilidade de resaltar en cores fluorescentes na escuridade diferentes fluídos, tonos e rastros que pasan desapercibidos na luz do día, facilitando así a súa detección. A campaña, pretende do mesmo xeito, resaltar e axudarnos a detectar como sociedade, violencias que temos normalizadas, ou incluso xustificadas, dentro das relacións de parella que son un xeito de abuso e violencia emocional, e teñen unhas consecuencias importantes na saúde das mulleres, tanto a nivel psicolóxico coma físico, e que na actualidade forman un problema de saúde pública para a nosa cidadanía, explica a edil Cristina González Piedras.
Para dar visibilidade a campaña promoven a participación do comercio local entre os que repartirán material para que o coloquen nos escaparates dos seus establecementos.
As actividades arrancan esta fin de semana coa obra de teatro Invisibles, que se poderá ver este 30 de Outubro as 21:00 horas no salón de actos do edifico Multiusos de Arcade. Unha obras baseada no libro homónimo de Monste Fajardo e gañadora de tres premios de teatro María Casares na que se presenta a tres mulleres, sete testemuñas todas cun fío común: a violencia de xénero. Esta baseado en historias reais protagonizadas por mulleres galegas, historias de violencia.
O 13 de novembro tamén no multiúsos poderase ver a obra “O Candil”, unha comedia musical interactiva, sobre tres mulleres moi distintas, que no ano 1918 busca o propio ser ante un momento de confusión e cambio de mentalidade global.
Pechará a programación a presentación do libro “Calladita no eres más bonita” na Biblioteca Municipal Luis Seoane, o día 26 de Novembro ás 18:00horas. Escrito por Nuria Prieto, baseado en testemuñas reais de mulleres menores de 30 anos, vítimas de violencia machista. Para a presentación e a posterior charla coloquio contarase coa presenza da escritora e máis de Esther, testemuña no libro, que nos falará en primeira persoa sobre a súa historia.