O Concello que, segundo o balance elaborado por Dyndra (Dynamic Transparency Index) liderou durante os anos 2018 e 2019 o índice de transparencia de todos os concello galegos, hoxe non cumpre a metade dos parámetros que mide este observatorio, o que fai que pase do primeiro ao noveno posto no conxunto da Comunidade e que en España se sitúe no posto número 167, caendo case cincuenta prazas.
De acordo cos datos de Dyndra, o índice de transparencia municipal que con goberno popular estaba no 87,65%, hoxe é do 46,01%. Explican dende o PP que nos anos 2018 e 2019, o Concello de Redondela era o máis transparente de Galicia porque os cidadáns podían coñecer as retribucións de todos os membros da Corporación e consultar as nóminas do alcalde e resto do equipo de goberno, tamén eran públicas a xestión económica e a contratación de servizos, as retribucións do persoa de confianza, a axenda da Alcaldía, as ordes do día de Plenos e xuntas de goberno ou os plans e proxecto plurianuais.
A voceira do PP, Carmen Amoedo lembra que iso foi posible porque “creamos un área que se ocupaba, especificamente, da transparencia e a información con todos os datos actualizábase diariamente”.
A portavoz popular sinala que “en dous anos, Digna Rivas acabou con todo iso e impuxo a opacidade na xestión municipal” ao non informar dos ingresos dos cargos electos e de libre designación, tampouco sobre a renda da alcaldesa e os concelleiros, nin sobre dietas ou gastos de viaxes e desprazamentos. Non hai axenda nin da alcaldesa nin de ningún membro do seu Goberno; non se publica a actividade da oposición; non se coñece a Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal; as ordes do día e convocatoria dos Plenos non se fan públicos coa debida antelación; non hai actas nin información das Xuntas de Goberno nin órganos colexiados do Concello; deixaron de publicarse os plans e proxectos plurianuais, “quizá o único xustificable, porque non hai ningún”; non se coñecen nin as mocións, nin os rogos nin as preguntas que se fan ao Goberno nos Plenos e moito menos as respostas a elas e, por non existir, non existe un “Código ético ou de bo goberno”, aprobado unanimemente na Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), presidida por Abel Caballero.