Unha demanda histórica que une aos concellos de Redondela, Pazos de Borbén e Mos que hoxe se daban cita nese punto da N-550 para lembrar a elevada intensidade de tráfico que circula por esa estrada e que converte este cruzamento nun punto negro para os condutores. Xunto a eles o Deputado de BNG no Congreso, Nestor Rego quen explicaba que a súa formación xa rexistrou unha emenda na que reclaman unha partida de 800.000 euros para que se constrúa a rotonda e se elimine o problema de seguranza viaria grave que existe nese lugar.
Os nacionalistas presentarán así, unha vez máis, unha emenda aos orzamentos para reclamar que se consigne unha partida para construír unha rotonda no alto dos Valos. Unha actuación que entenden imprescindible para mellorar a seguridade vial nun cruzamento polo que circulan diariamente ao redor de 12.000 vehículos, sendo moitos deles tráfico pesado.
Co obxectivo de que se realice esta obra, longamente demandada, o deputado do BNG no Congreso,confirmaba que o BNG presentará unha emenda na que se inclúe a petición dunha partida para a construción desta rotonda, que afecta aos tres municipios nos que limita o Alto dos Valos, Redondela, Pazos de Borbén e Mos.
Una obra que ao entender do edil Xoán Carlos González suporía “unha mellora imprescindible para un cruzamento cun altísimo tráfico”. Unha petición que conta ademais co apoio do pleno do Concello e que malia ser reclamada en varias ocasións ao Ministerio de Fomento segue a non ter unha resposta positiva “polo que vamos seguir presionando porque así o entendemos nós e así o entenden os veciños e veciñas”.
Entende ademais que a falta de resposta do goberno habería que buscala “na ubicación neste lugar dun radar que é un dos que máis recadan do Estado”.
O edil do BNG de Mos, Gustavo Barcia, advertía que o tráfico pesado que xa soporta esta vía vaise ver incrementado co futuro polígono industrial de Arrufana.
Pola súa banda o concelleiro da formación nacionalista en Pazos de Borbén, Xurxo Pardo insistía en que “se trata dunha mellora fundamental para o noso concello, porque este cruce é un dos principais accesos a Pazos”.