A iniciativa premiada Bibliofogar naceu coa idea de achegar os libros aos fogares e pensando, sobre todo, naquelas persoas que por problemas de mobilidade ou por carecer de vehículo non tiñan a facilidade de se desprazara ata as instalacións da biblioteca en Arcade para beneficiarse dos seus préstamos. Deste xeito, é a biblioteca quen se despraza ata o fogar dos usuarios levándolles libros, revistas ou material audiovisual.
O premio que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte ten por obxectivo premiar a aquelas bibliotecas de municipios de menos de 50.000 habitantes que leven a cabo un proxecto único que inclúa as accións de animación á lectura, a eficiencia e labor bibliotecaria, a integración social na súa comunidade, así como o uso das novas tecnoloxías. Este premio permitirá incrementar os fondos da biblioteca para o goce dos seus usuarios e usuarias.
O Bibliofogar continúa aberto a todas as persoas interesadas residentes no municipio de Soutomaior que o único que teñen que facer é solicitalo presencialmente na Biblioteca, enviando un correo ao enderezo biblioteca@soutomaior.com ou por teléfono no 986 700 291. Tamén poden inscribirse directamente na páxina web do concello cubrindo un formulario online. Unha vez estean inscritos poderán solicitar ata 3 libros, 2 audiovisuais e 1 revista durante 15 días, material que lles chegará o martes seguinte, día no que se realizan os repartos.
Dende a Concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal agradecen a participación veciñal na iniciativa e, especialmente, aos centros de maiores do municipio, Soutomaiores e Boas Apertas, porque ambas entidades se implicaron desde o primeiro momento no proxecto co fin de achegar a lectura ás persoas de maior idade.