Hoxe é Domingo 24 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Jessica García: “Hai posibilidades reais de que instalen muíños de vento nos montes de Reboreda”

muiño

O BNG organiza este domingo ás 12:00 horas na Sociedade Labrego Cultural de Reboreda un acto informativo para achegarlle á veciñanza a información dispoñible sobre a posible construción de parques eólicos que afectarían aos montes de Reboreda, Quintela e Ventosela. A concelleira nacionalista insiste en que é preciso que comunidades de montes e veciñanza coñezan que este proxecto está “en trámites previos” e en breve “sairá a disposición pública” e só haberá 15 días para a presentación de alegacións.

A información que manexa o BNG apunta a posibilidade de que se constrúan varios parques eólicos entre os concellos de Pazos, Soutomaior e Redondela. Un situaríase entre os concellos de Pazos e Redondela con dez muíños de vento “dous dos cales se construirían nos montes de Reboreda ou mesmo en Quintela”. Trataríase de dous eólicos de entre 140 e 160 metros “cun impacto visual tremendo e que non estarían illados, xa que formarían parte dun gran parque que se asentaría principalmente nos montes de Pazos”.

Denuncian que baixo a máscara dunha mal chamada produción enerxética verde, agóchase unha sobreexplotación do monte, cun negativo impacto visual, acústico, construción de pistas, afeccións arqueolóxicas, patrimoniais, e á flora e fauna da nosa contorna “e todo iso sen ningún tipo de repercusión positiva no Concello”.

Ante este risco dende a organización nacionalista convocan á veciñanza a participar nun acto Informativo, no que se exporá toda a información que se manexa ata o momento.

O acto vai ser presentado polo veciño da parroquia David Couñago, do Consello Parroquial de Reboreda. Jéssica García, concelleira nacionalista, intervirá para expor cal é a proposta que está presentada ante a Xunta de Galiza, e a situación administrativa da mesma.

Intervirá tamén o concelleiro do BNG en Baiona, Iago Pereira, onde xa un dos Proxectos dun Parque Eólico superou o trámite de exposición pública. Exporá a estratexia da Xunta, para facilitar a instalación destes parques, ademais de como se desenvolveu o proceso de presentación de alegacións.

Finalmente a deputada Alexandra Fernández pechará a rolda de intervencións, cunha exposición da política do goberno galego de converter o monte galego nun grande parque de muíños de vento, outra volta ao servizo dos intereses das empresas enerxéticas, de costas ás necesidades do conxunto da sociedade.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará