Dende a Concellería de Vías e obras confirman que o obxectivo do goberno local é recuperar esa iluminación que permitiría dar luz a esta infraestrutura ferroviaria coñecida como Viaduto Madrid. Vicente Lamas explica que se están facendo probas para tentar poñer en marcha novamente os focos que levan anos apagados. Unha iniciativa que non conta co apoio dos seus exsocios de goberno, AER critica a proposta e insta ao goberno a que “destine os fondos que se van investir no viaduto en iluminar as parroquias”.
Unha avaría mantén a iluminación do viaduto Madrid apagada dende hai anos. O antigo viaduto de Redondela estreara esa iluminación nocturna no ano 2014, tras concluír a rehabilitación integral da estrutura. Con todo, dende hai anos o sistema instalado non funciona, mantendo completamente a escuras este elemento do patrimonio.
Explica o edil de Vías e Obras que a avaría é anterior ao cambio de goberno e que estudan agora recuperar esa iluminación, un sistema dotado de corenta focos con lámpadas de baixo consumo, co obxectivo de que funcione co mesmo horario que o resto da iluminación pública e que dea unha maior visiblidade a esta antiga estrutura ferroviaria.
Críticas de AER
Unha idea que non gusta aos seus exsocios de goberno. A Agrupación de Electores presentou por rexistro unha solicitude para que antes de acometer a nova iluminación do viaduto “se ocupe das parroquias que presentan unha deficiente iluminación”. Neste sentido solicitan ao Concello que os fondos que se van investir en iluminar o viaduto sexan destinados á substitución das actuais luminarias antigas e de alto consumo nas parroquias, por tecnoloxía LED.
Segundo o concelleiro Roberto Villar “a día de hoxe quedan miles de puntos de luz no municipio que teñen máis de 30 anos de antigüidade, con continuas avarías e caídas de liña. Non ten sentido que estes veciños estean nesta situación e se estea a falar de dotar o viaduto de iluminación. Co que se van gastar poderíanse colocar entre 50 e 60 novos puntos de luz LED de 30 vatios, uns dous quilómetros de camiños e rúas”. Ademais, a substitución das vellas lámpadas por novas de baixo consumo redundaría nunha redución do custo en enerxía para as arcas municipais.
A agrupación urxe tamén a instalar novas liñas e cadros de control, renovación de cable eléctrico e automatización de liñas antigas.