O goberno local convoca unha reunión que se celebrará este sábado ás 11:30 horas no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela na que se darán a coñecer as alegacións que o Concello presentará ao proxecto de Fomento de instalación de pantallas acústicas de metacrilato na autoestrada ao seu paso polo municipio. Os técnicos explicarán nesa xuntanza os pasos para que as veciñas e veciños que queiran presentar as súas propias alegacións poidan facelo. O prazo remata o día 10 de decembro.
O documento, de preto de mil páxinas, quedará exposto no Multiúsos para que poidan consultalo todos os que o desexen. Con todo, e dada a complexidade do proxecto, dende o concello convidan as persoas interesadas a achegarse a esta reunión informativa na que participarán técnicos da empresa redactora do mesmo. Na xuntanza a alcaldesa, Digna Rivas dará a coñecer a veciñanza as alegacións que presentará o Concello sobre determinados temas que, ao seu entender, deberían ser mellorados.
Ao mesmo tempo, veciñas e veciñas poderán presentar posteriormente – antes do día 10 de decembro- as súas propias alegacións para engadilas ás do Concello nun mesmo documento que recolla todas as melloras posibles.
Digna Rivas salientou a importancia de que a veciñanza afectada asista á reunión “de cara a buscar, conxuntamente, as mellores solucións para unha actuación que contribuirá a mellorar a calidade de vida das e dos afectados polos ruídos ocasionados polo tráfico da AP9”.