Todos os equipos locais de categoría nacional sufriron derrotas
División de Honra Prata
SAR Rodavigo 26-29 U. Financiera
O equipo asturiano levou o partido. O equipo de Vero Posada comezou por detrás no marcador e conseguiu empatar no minuto 13. Logo o partido estivo igualado ara o descanso (14-15). Na segunda parte mantívose a igualdade ata que nos minutos finais unha unha exclusión da SAR permitiu ao conxunto visitante abrir unha fenda de 3 goles que mantiveron ata o final. Complícase a situación do Rodavigo, 12º no táboa. Na próxima xornada visitan o pavillón dun dos equipos máis fortes da liga, o Porriño.
Primeira Nacional Masculina
Lanzarote 31-21 SAR Plastic Omnium
Malia ter feito unha gran primeira parte, o conxunto redondelán regresou de Canarias de baleiro. O traballo de defensa do Gourmet Ampate Lanzarote e o cansazo dos redondeláns, que viaxaron con escasas rotacións, deixaron os puntos na illa. A SAR dominou desde o comezo, con marxes de ata 4 goles, e chegaron ao descanso cunha vantaxe de 2. Logo a situación cambiou, mellorou a defensa local e a fatiga mermou á SAR. Cun parcial de 10-2 para o Lanzarote os locais fixéronse co partido. Na próxima xornada reciben ao Bueu, situado no pozo da táboa.
Saeplast Cañiza 29-26 Rodosa Chapela
Partido moi igualado o disputado na Cañiza, que finalmente se decantou do lado dos locais. O Rodosa Chapela, que fixo o mellor partido da tempada, quedou sen opcións no tramo final. Ao descanso o marcador (12-12) reflectía a igualdade no partido. E no arranque da segunda parte o Rodosa púxose por diante, o que levou aos anfitrións a reforzar a defensa. A partir de aí o partido cambiou e o Saeplast púxose por diante malia o bo partido dos de Chapela, que seguen sen sumar ningún punto. Na próxima xornada reciben ao Galdar, que os acompaña na parte baixa da táboa.