Hoxe é Sábado 23 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Charla sobre a pegada das novas tecnoloxías na mocidade a cargo do profesor da USC, Antonio Rial Boubeta

tecnoloxía

O estudoso Antonio Rial Boubeta, profesor titular da Área de Metodoloxía das Ciencias do Comportamento da Universidade de Santiago (USC), será o encargado de impartir esta actividade que se desenvolverá o martes 14 ás 18.30 horas no auditorio Municipal baixo o título “A pegada das TRIC na adolescencia. Entre o alarmismo e a anestesia social, onde me teño que poñer?”. Entrada de balde e inscricións a través dun cuestionario online.   

O Concello de Redondela e a Asociación Érguete organiza esta reunión co obxecto de analizar os riscos que conleva o uso indiscriminado das novas tecnoloxías entre os máis novos.

Impartida por Antonio Rial Boubeta, unha das grandes referencias a nivel estatal sobre a relación entre novas tecnoloxías e a mocidade, farase tamén unha mención especial a que o uso de redes sociais como Tik Tok ou Instagram dende idades temperás “pode levar da man importantes problemas emocionais e estar na base do aumento das taxas de depresión infanto-xuvenil ou de ciberacoso”. Para o estudoso “adoptar unha actitude alarmista diante desta nova problemática resulta igual de contraproducente que mirar cara outro lado”.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, anima á veciñanza a asistir a esta conferencia “para poder entender mellor a maneira na que os nosos fillos e fillas utilizan e se relacionan coas novas tecnoloxías”. A importancia que o Goberno local redondelán dalle a todo o que teña que ver coa mocidade e as novas tecnoloxías quedou reflectido nas charlas que, con motivo do 25N, desenvolveu nos institutos do municipio baixo o lema Non deixes que te enREDen, e que alertaba sobre o acoso, control e violencia psicolóxica que se pode exercer sobre as mozas a través de internet ou programas de mensaxería instantánea.

A coordinadora de prevención da Asociación Érguete, Laura Durán, destaca que esta actividade “é moi necesaria”, xa que diversos estudos destacan que as chamadas Tecnoloxías das Relacións, a Información e a Comunicación (TRIC) teñen “un impacto realmente importante na vida das e dos adolescentes, ben a nivel de saúde mental, de estilo de vida e de saúde en xeral, de convivencia familiar, ou mesmo dando lugar a novas formas de adicción recoñecidas xa pola OMS, como no caso dos videoxogos ou das apostas en liña”.

Para máis información, interesadas e interesados poden dirixirse ao enderezo de correo electrónico oficinatecnicaprevencion@erguetevigo.org ou ao teléfono 986 250 240.

Tanto a Asociación Érguete coma o Concello de Redondela agradeceron a colaboración de Caixabank para a realización desta charla.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará