Un total de 91 establecementos involucráronse de cheo nunha campaña para axudar ás familias da parroquia que máis o precisan. O recadado coa venda de rifas, dispoñibles no comercio e locais de hostalaría da parroquia a 50 céntimos, destinarase a unha ONG local que repartirá, entre as persoas máis necesitadas, vales de compra de alimentos nun supermercado.
Cafeterías, restaurantes, perruquerías, centros de estética, talleres, drogarías, tendas de moda e de alimentación, floristerías… practicamente todo o comercio local de Chapela decidiu sumarse a esta iniciativa a favor de Cruz Vermella e, malia afrontar as duras consecuencias derivadas da crise sanitaria, dar un paso ao fronte para axudara ás familias que peor o están a pasar na parroquia.
Cada establecemento puxo o seu gran de area para facer unha enorme cesta de Nadal –exposta en Mar Confort de Chapela– que veciñas e veciños terán a oportunidade de gañar a través da compra de rifas ao prezo case que simbólico de 50 céntimos. A recadación que se consiga coa venda destas rifas irá destinada, na súa integridade, a unha asociación sen ánimo de lucro local que distribuirá ese diñeiro en forma en vales compra para alimentos nun supermercado da parroquia.
A cesta solidaria a gañará a persoa que teña unha rifa co número que coincida coas catro últimas cifras do 1º premio do Sorteo de Nadal do 22 de decembro da Lotería Nacional.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que visitou aos comerciantes de Chapela para agradecerlles o que cualificou de “extraordinaria mostra de solidariedade”, salientou a importancia dunha iniciativa que “axudará as veciñas e veciños máis necesitados e que permitirá que o Nadal tamén chegue as súas casas”. Tivo palabras de agradecemento para Yoli, Andrea, Isa, Yolanda e Esther, encargadas de poñer en marcha esta iniciativa.