Redondela mantense en risco moi alto de Covid con 235 persoas contaxiadas segundo os últimos datos da Consellería de Sanidade. Unha epidemia que non para de medrar e que afecta a toda a área sanitaria de Vigo, a máis afectada de toda Galicia. Ante esta situación, o Concello anunciou o adiamento “por prudencia e responsabilidade” da Gala das Mulleres da Illa ata despois do Nadal e a Asociación Lenda suspende a presentación da súa revista e o concerto da Rondalla ante a elevada incidencia de Coronavirus en Redondela.
Cunha incidencia moi alta que supera con moito os 500 casos por cada cen mil habitantes, comezan a caer algunhas das actividades previstas de cara aos vindeiros días. Así, o Concello anunciaba nas últimas horas o adiamento da Gala das Mulleres da Illa, que tería que celebrarse no Multiúsos da Xunqueira o vindeiro 18 de decembro, ata despois das festas do Nadal e segundo marque evolución da actual pandemia da COVID-19.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explica que a actual situación sanitaria “aconsella o aprazamento desta Gala toda vez que se ía celebrar nun recinto pechado e habería que limitar moito a presenza de público, o que desvirtuaría esta homenaxe”.
Unha Gala na que ían participar familiares das Mulleres da Illa, moitos de avanzada idade e que coa evolución actual da pandemia “suporía un risco para a súa saúde”, motivo polo que será aprazada ata despois do Nadal e sempre dependendo das circunstancias sanitarias do momento e do que diten as autoridades sanitarias.
Tamén a Asociación Lenda decidiu suspender o acto de presentación dun novo número da súa revista, previsto para o venres 17 e no que ían actuar Brava Band, Chá, cervexa e violao e unha agrupación que reúne no escenarios a numerosos membros como é a Rondalla de Redondela.