O equipo de Honra Prata feminina fixo unha gran labor defensiva para frear ás canarias. Na Primeira Nacional Masculina o Rodosa Chapela sumou o primeiro punto cun empate ante o Seis do Nadal, e a SAR Plastic Omnium perdeu co Forbe Reconquista.
División de Honra Prata Feminina
SAR Rodavigo 28-24 Lanzarote
A SAR recibía na Bomboneira ao cuarto clasificado, o Cicar Lanzarote Cidade de Arrecife. Na primeira parte do partido houbo moitas alternativas no marcador, pasando dun 2-4 a un 10-6 e rematando o primeiro tempo nun 13-14. Na continuación, un parcial de 3-0 fai que as redondelás se poñan 16-14. A vantaxe neutralizárona as canarias cun empate a 16. A partir dese momento, o gran labor defensivo das de Vero Posada logrou frear a faceta ofensiva das visitantes e permitiu abrir unha pequena vantaxe no electrónico. A superioridade foi aumentando ata o 28-24 final. Na próxima xornada repiten como locais ante o Cleba León.
Primeira Nacional
Forbe Reconquista 28-24 SAR Plastic Omnium
A primeira parte do encontro estivo dominada pola igualdade no marcador, onde ningún equipo se afastou con máis dun gol de diferenza. Ao descanso, 13-12. No inicio do segundo tempo o Reconquista pisou o acelerador e púxose con 6 goles de vantaxe (23-17). A SAR conseguiu rebaixar esa diferenza a dous tantos (26-24) e tiveron posesión para poñerse a un só gol, pero a remontada non se culminou. No último minuto, con dúas accións de contraataque consecutivas, os vigueses acadaron unha vantaxe de 4 goles cun resultado final de 28-24. Na próxima xornada reciben ao Calvo Xiria.
Seis do Nadal 24-24 Rodosa Chapela
O Rodosa Chapela sumou o primeiro punto da temporada. Logo de quedar ás portas a pasada xornada ante o Galdar Gran Canaria, os de Chapela sumaron un empate en Coia. Na próxima fin de semana reciben ao Carballal.