Unhas partidas enmarcadas no Plan Concello e no ReacPon que financiarán, entre outras actuacións, a humanización da rúa Picota e a contorna da capela de Santa Mariña. As actuacións en toda a bisbarra de cara ao vindeiro ano, coas partidas destinadas a Soutomaior, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes, superan os cinco millóns de euros. Nos últimos seis anos o organismo provincial tería investido un total de 26,6 millóns de euros nos catro concellos.
A Deputación presume dun investimento histórico nos últimos seis anos en toda a bisbarra, con partidas enmarcadas no Plan Concellos “un instrumento que con criterios obxectivos e rachando co modelo anterior baseado nas concesións a dedo, permitiu financiar obras, actividades socioculturais e contratar traballadores para cubrir persoal nos concellos e permitir que as administracións seguiran prestando servizos”. Así o afirmou a presidenta da Deputación, Carmela Silva quen insistía en que este organismo “destina un 34% de todo o seu orzamento a financiar obras e servizos dos concellos, duplicando a media do estado que está en torno ao 18%”.
Un acto que serviu tamén para adiantar os investimentos previstos de cara ao vindeiro ano no que se investirán en Redondela case dous millóns de euros dentro do Plan Concellos. Pola súa banda Soutomaior recibirá preto dun millóns de euros. Pazos de Borbén 715.000 e Fornelos de Montes 676.000 euros
No caso de Redondela e Fornelos, poderán beneficiarse tamén de partidas procedentes do plan ReacPon, que se investirán en humanizar a rúa Picota e a súa contorna no caso de Redondela (637.000) e na rehabilitación do pavillón de deportes de Fornelos (281.000)
Por concellos, a Deputación investiu nos últimos seis anos 11 millóns de euros en Redondela, 6,8 en Soutomaior, 4,9 en Fornelos de Montes e 3’9 en Pazos de Borbén.
Entre as obras que se financiaron en Redondela, salientou Silva o esforzo inversor nas estradas provinciais “que nunca estiveron en mellor estado que agora, malia ter aínda moito que mellorar” e lembrou a tan polémica obra na estrada Os Valos-Guizán “unha actuación practicamente rematada e que tivo moita contestación e que pola contra foi considerada unha obra modélica por parte da Unión Europea”.