O Goberno redondelán mellora a accesibilidade da Praza coa instalación dun ascensor. Con estas obra amais de permitir que a instalación cumpra coa normativa de accesibilidade en edificios públicos, permitirá a dinamización da primeira planta á que só se podía acceder a través das escaleiras. Unhas obras que son o punto de partida dun programa de modernización que contempla a rehabilitación total do edificio” e para o que “xa existe un proxecto de reforma con máis de 1,5 millóns de euros de investimento”.
As obras, realizadas pola empresa Ocisat, S.L. supuxeron un investimento de 44.048,46 euros –IVE incluído– e contaban cunha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural –no programa de subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais– e cofinanciadas polos fondos europeos FEDER.
A mellora a accesibilidade era un paso imprescindible para o obxectivo que para esta instalación teñen marcadas as concellerías de Feiras e Mercados e Comercio, que xestionan Vicente Lamas e María Castro, respectivamente, que non é outro que converter a praza de abastos de Redondela nun mercado moderno e competitivo e que poña en valor o comercio de proximidade e sexa referencia de produtos de calidade.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas insistiu na importancia de que o Mercado de Abastos de Redondela, modernizado e accesible, se converta “no centro dinamizador da economía da contorna”. A Praza de Abastos, afirmou a rexedora redondelá, “é xa un lugar de venda de produtos de proximidade de calidade contrastada e, ten que dar agora un paso adiante, para ser tamén un espazo vivo e centro de dinamización social da zona”.