Redondela porá en marcha no vindeiro ano o programa ‘Maiores en Movemento’, unha iniciativa que se desenvolverá por primeira vez en todas as parroquias do municipio e que contará con catro actividades: Memoria Activa, Maiores en Redes, Xerontoximnasia e Tai Chi na rúa. Con este programa o departamento de Servizos Sociais busca “non só mellorar a saúde física das persoas participantes con ximnasia e Tai Chi, senón tamén a prevención do deterioro cognitivo a través das actividades de Memoria Activa e o aproveitamento das novas tecnoloxías”. Co novo obradoiro de “Maiores en Rede” poderán aprender a realizar xestións e manterse en contacto con amigos e familiares cun curso que se centrará nas aplicacións móbiles. O programa achegará todos os cursos ás parroquias, facilitando a participación dos maiores no seu propio entorno. As actividades de Xerontoximnasia, Memoria Activa e Maiores en Redes, realizaranse en horarios pactados coas asociacións das distintas parroquias. A actividade de Tai Chi, ao aire libre, terá lugar só en Chapela e Redondela durante os meses de xullo e agosto. Iria Vilaboa, concelleira de Servizos Sociais, explican que se adoptarán “todas as medidas para que os participantes poidan gozar destas actividades de xeito completamente seguro e seguindo un estrito protocolo sanitario”.
O programa está aberto á participación das persoas maiores de 55 anos ou daquelas que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual o superior ao 33 % “sempre que o seu estado de saúde permita a súa participación en ditas actividades”. No caso houbera prazas baleiras non cubertas por estes grupos, abriríase á participación a persoas que se atopen en especial situación de vulnerabilidade social.