Alonso recibiu onte o premio do comercio de Chapela nun acto no que parcipou tamén a concelleira Olga García
José Manuel Alonso González foi o gañador no sorteo da Gran Cesta de Nadal logo de mercar unha rosa para a súa dona e catro papeletas na Floristería Vidal. O número dunha desas papeletas –o 02252– foi o agraciado durante o sorteo presencial celebrado no Pavillón de Chapela. A iniciativa recadou máis de 4.000 euros para Cruz Vermella.
Inicialmente, o boleto premiado sería aquel que as súas catro últimas cifras coincidisen co Sorteo de Nadal da Lotería Nacional. Ao quedar esa papeleta sen vender, os comerciantes decidiron facer un novo sorteo presencial. O comercio de Chapela recadou, a través desta iniciativa solidaria, un total de 4.210 euros que serán entregados á Cruz Vermella que os transformará en vales compra para as familias máis necesitadas desta parroquia redondelá.
A cesta, valorada en máis de 3.000 euros, contou coa colaboración de cafeterías, restaurantes, centros de peiteado e estética, talleres, drogarías, tendas de moda e de alimentación, florerías… practicamente todo o comercio local de Chapela se sumou a esta iniciativa a favor de Cruz Vermella. Malia afrontar as duras consecuencias derivadas da crise sanitaria, os establecementos puxeron en marcha esta iniciativa “para axudara ás familias que peor o están a pasar na parroquia”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, felicitou ás e aos comerciantes “pola súa solidariedade” e asegurou que “son un exemplo a seguir”. “Que un dos sectores máis golpeados pola crise da Covid sexa capaz de sobrepoñerse aos seus propios problemas e busque axudar aos máis necesitados, ten que facernos recapacitar a todos sobre a forma en que podemos contribuír a axudar as persoas que nos rodean”, afirmou.