De esquerda a dereita Pilar Méndez, Iria Vilaboa, Esther Vidal, Purificación Serrano, Teresa Álvarez e Andrea Alonso
Representantes do comercio de Chapela que puxeron en marcha a campaña solidaria de Nadal fixeron entrega esta mañá á Cruz Vermella dos fondos recadados. En total foron 4.210 euros os que conseguiron coa venda das rifas da Cesta Solidaria. Esther Vidal, unha das comerciantes promotoras da campaña, amosouse moi satisfeita coa boa acollida desta iniciativa, na que participaron 91 establecementos da parroquia facendo as súas doazóns. Deste xeito, a través de Cruz Vermella, poderán axudar “a moitas familias da parroquia que o están a pasar mal”.
Purificación Serrano, presidenta comarcal da ONG, agradeceu o labor do comercio de Chapela “ que coa súa sensibilidade e intelixencia conseguiu axudar a moita xente que o precisa”.
Con este fondos a ONG realizará vales de compra para utilizar no supermercado Froiz de Chapela. Pilar Méndez, coordinadora provincial de Cruz Vermella explicou que a asociación, en colaboración cos Servizos Sociais do Concello, fará chegar estes vales de compra ás familias que o precisan.
A concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, participou no acto de entrega do donativo e agradeceu “a solidariedade do comercio de Chapela”.
As instalacións de Cruz Vermella Redondela, na Casa da Cultura, foron o escenario deste acto, no que tamén participou Andrea Alonso, en representación do comercio de Chapela, e Teresa Álvarez, presidenta provincial de Cruz Vermella.