Participantes no Plan de Emprego celebrado o ano pasado
A Asociación de Empresarios de Redondela anuncia a selección de 100 persoas desempregadas para participar no plan integrado para o emprego que se desenvolverá durante o ano 2022. O prazo de solicitudes está aberto ata o 17 de xaneiro. Neste novo programa hai prazas reservadas para menores de 30 anos con titulación “nun proxecto enfocado a reter e potenciar talento”, explican desde a asociación. Tamén outros colectivos como mulleres, maiores de 45, menores de 30 sen cualificación e vítimas de violencia de xénero teñen reserva de prazas específicas. O proxecto tamén contempla itinerarios de apoio ao autoemprego “para fomentar a posta en marcha de novos proxecto de emprendemento empresarial”. O 60% da oferta formativa prevista estará baseada no catálogo de especialidades do servizo público de emprego estatal desenvolvida no marco do Sistema de Formación Profesional “o que garante unha titulación regulada”. Ademais os participantes contarán con becas de asistencia. Desde a Asociación de Empresarios de Redondela salientan que este tipo de programa de acompañamento á persoas desempregadas “son unha gran oportunidade para relanzarse profesionalmente e contar cun asesoramento personalizado para trazar os obxectivos profesionais”.
O ámbito do programa comprende os municipios de Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomaior, Vilaboa, Ponteareas e Vigo, polo que calquera persoa en situación de desemprego empadroado nestas localidades pode presentarse para participar no programa. As solicitudes poden tramitarse a través da web www.empresasredondela.gal. Máis información no enderezo electrónico programas.emprego@empresasredondela.gal e nos teléfonos 986404012 / 658592332 / 65156846.