Os asaltantes, que esta fin de semana roubaron na Igrexa de Arcade, leváronse do templo cartos e xoias que os fieis adoitan deixar nas Imaxes. O párroco lamenta o acontecido e fai un chamamento a prudencia e a estaren atentos porque non se trata dun feito illado “hai tres semanas roubaron co mesmo modus operandi no templo de Soutomaior e sabemos que houbo tamén un intento de roubo nunha Igrexa en Gondomar”.
“Todo moi estudado e moi planificado” explica Uxio Domínguez párroco do templo de Arcade quen desconfía que o asalto do sábado viña xestándose dende o mércores anterior “estiveron controlando os servizos relixiosos e tamén os nosos movementos”, de feito sospeitan que os autores do roubo estiveron tirando fotografías para localizar as cámaras de vixilancia que, tras esconderse na Tribuna á espera de que todo os asistentes abandonaran a Igrexa, deixaron inutilizadas antes de proceder a retirar todos os obxectos que se levaron.
O contía económica do roubado aínda se descoñece “cadeas, pulseiras e aneis de devoción que a xente deixa nas diferentes imaxes, a Virxe do Carme, Santa Rita, o Sagrado Corazón… xoias que ademais do seu valor monetario teñen moito valor sentimental para os seus propietarios” “xa non é só o dano material senón o dano afectivo que supón a subtracción destes obxectos”. Neste sentido confían en que algunha destas xoias poida aparecer porque nalgúns casos teñen inscricións moi concretas o que permitirá a súa identificación no caso de que se localicen.
Explica o párroco que os ladróns tiñan claro o seu obxectivo “non se levaron ningunha imaxe nin tampouco ningún elemento patrimonial da Igrexa, buscan cousas que poidan xestionar con facilidade e que poidan retirar do templo sen chamar a atención”.
Lamenta tamén que os ladróns causaran danos materiais xa que algunha imaxe presenta desperfectos cuxa restauración vai supoñer un gasto importante.