Esta alumna de 4º ESO do IES de Soutomaior vén de ser premiada na XX edición do Certame de relato oral Tíralle da Lingua. O centro participa dende a súa creación en 2019 neste concurso de ámbito galego que organiza a Asociación Socio-Pedagóxica Galega para fomentar e dinamizar o da lingua entre a mocidade como instrumento para crear e contar historias orais. Nesta edición, Lucía gañou o segundo premio na categoría do segundo ciclo da ESO pola creación e interpretación do relato Noite de rolda.
A alumna comenta que “para esta historia, como para outras moitas cousas na vida, a miña inspiración foi a miña avoa, neste caso polas anécdotas que nos conta de cando era moza”. Alentados polos profesores Fernando Blanco e Adriana Gómez, os relatos presentados polo centro foron de creación propia do alumnado ou reinterpretacións de textos de autores, que tiveron que ser dramatizados, gravados e enviados por causa da pandemia, que impide que a fase final se faga de forma presencial. A este respecto, Lucía sinala que quixo “que a gravación fose natural, imitando a forma que ten a nosa avoa de nos narrar o pasado, pero co meu ton propio, intentando tamén representar a tradición oral galega.”
Este premio, concedido por un xurado formado pola docente Beatriz Maceda, a filóloga Enma Pedreira e a bibliotecaria Xiana de la Peña, e que conleva un obsequio en cartos para a alumna e o centro, anima ao Equipo de Normalización Lingüística do instituto a seguir traballando polo uso da lingua galega tanto neste tipo de actividades como no día a día do alumnado e as súas familias.