O BNG de Soutomaior lembra que o Concello aprobou hai tres anos o arranxo e conversión deste inmoble nun centro social, sen que o goberno local teña dado dende esa data ningún paso cara recuperar o edificio que se atopa abandonado.
Malia que esta iniciativa foi aprobada en marzo do 2019 e mesmo se recollía unha partida no orzamento do 2021 para a súa execución, a día de hoxe segue sen estar licitada esta obra e o inmoble permanece no máis absoluto estado de abandono. Para a edil nacionalista Charo Bouzón non se explica como “despois de tantos anos o Partido Popular prefire ter este inmoble nese estado e sufrindo o paso do tempo, cando podería estar dando un gran servizo ao barrio e non sendo unha ruina na contorna da carballeira de Trasdovalo”.
Así mesmo, Bouzón denuncia tamén o desleixo do goberno local co barrio de Moreira “primeiro perden unha subvención de case 15.000 euros para algo tan necesario como arranxar a estrada que conecta coa Pena por non realizar a obra en 3 anos dende a súa concesión, e agora son incapaces de arranxar a antiga escola”.
Por outra banda, o voceiro nacionalista Manu Lourenzo denuncia que “unha vez máis miramos o nulo interese que ten Agustín Reguera por cumprir os acordos plenarios, mirámolo cos muiños de Daión, coas axudas para a compra de ordenadores e agora coa antiga escola de Moreira, atopámonos ante un goberno paralizado e inoperativo, incapaz de sacar adiante o proxecto que melloraría a calidade de vida da nosa veciñanza e que está penalizando a Soutomaior”.