A directiva da Comisión de festas non renuncia ao completo a unhas festas patronais que se van celebrar esta fin de semana, o sábado 22 e domingo 23. Con todo, o programa redúcese notablemente e ademais dos tradicionais actos relixiosos, que se desenvolverán con estritas medidas hixiénicas, soará a música da charanga Santa Cecilia, que percorrerá a parroquia na xornada do sábado para evitar as aglomeracións da xente.
Atrás quedan grandes eventos de edicións anteriores como a festa do cocido que congregaba a centos de persoas baixo unha carpa climatizada para degustar un prato tan típico desta época. No ano 2020 celebrábase por última vez esta cita gastronómica logo de que o ano pasado a situación sanitaria impedira a súa organización.
A comisión contaba con poder retomar este ano todas esas actividades, pero unha vez máis e por prudencia deciden ser conservadores na organización e reducir o programa, incluíndo tan só como xeito de animar a parroquia os pasarrúas da Charanga Santa Cecilia o sábado e a actuación das pandereteiras “ledicia” ao remate da misa na honra de San Blás que terá lugar o domingo ás 13:00 horas.
Instalarase tamén unha barra de bar na que se servirán bebidas pero sempre facendo un chamamento a prudencia confiando en que o ano que vén as cousas si estean mellor “esperamos que este ano sexa o da recuperación tamén das festas patronais e todos eses eventos que tanto botamos de menos”.
Unha comisión que continúa traballando coa satisfacción de ter repartido un chisquiño de sorte entre a veciñanza grazas ao premio da lotería de Nadal.