A perda de poboación en Redondela é unha constante na última década segundo os datos demográficos do Instituto nacional de Estatística (INE). Os últimos datos correspondentes ao 2021 contabilizan un total de 29.192 habitantes, o que supón un descenso de 51 veciños e veciñas nos últimos doce meses e unha caída de 814 persoas empadroadas na última década.
Unha significativa perda demográfica, xa que no 2011 Redondela superaba os 30.000 habitantes (exactamente eran 30.006 os empadroados no noso concello), cifra que foi caendo paulatinamente nos últimos ano ata chegar aos 29.192 actuais.
Sangría aínda peor a que experimenta Fornelos de Montes. Malia que permanece estable respecto ao ano pasado, se botamos a vista dez anos atrás observamos a drástica caída do seu censo pasando de 2002 veciños en 2011 a 1.594 na última estatística. Un descenso de 408 veciños que é exemplo do que acontece noutros moitos municipios rurais, onde o despoboamento é una mal xeneralizado.
Descende tamén o censo en Pazos de Borbén, que se afasta dos tres mil habitantes situándose en 2.976 veciños, cando hai unha década eran 3.192.
Unha comarca que vai perdendo peso demográfico cunha única excepción. Soutomaior amosa a situación contraria e con 7.482 habitantes, experimenta un crecemento respecto ao ano pasado (56 veciños máis) e tamén respecto aos 7.223 veciños que contaba hai unha década (259 máis).