Convocan unha xuntanza na Casa da Cultura o vindeiro luns 31 de xaneiro ás 20:00 horas para explicar a artistas, colectivos culturais e asociacións as xestións que se están a realizar dende a Federación para que a Consellería implante o Bacherelato de Arte nos institutos de Redondela.
A falta de resposta por parte da Consellería de Educación, que a tan só un mes para que se abra o prazo de inscrición en Bacherelato aínda non aclarou se finalmente Redondela contará ou non coa especialidade de Artes, levou a Federación de Anpas a poñer en marcha diferentes iniciativas.
A primeira é coñecer a demanda existente entre o propio alumnado, requisito establecido dende a propia Xunta para implantar o Bacherelato de Artes en Redondela. Entenden que este estudo previo deberían facelo dende a Consellería pero, ante a falta de concreción sobre cómo van valorar esa demanda, decidiron tomar a iniciativa en colaboración coa dirección dos centros dos Institutos de Redondela, Soutomaior e Pazos de Borbén preguntándolle directamente aos rapaces de 4º de ESO se estarían interesados en cursar estes estudos.
Tamén teñen previsto reunirse co Concello e non descartan outro tipo de medidas que incluirían mobilizacións na rúa mentres esperan que dende a Xefatura territorial de Educacións lles concedan a entrevista que xa teñen solicitado dende a semana pasada.
Unha Federación de Anpas que nace sabendo que “a unión fai a forza” e co obxectivo de abordar as problemáticas concretas que afectan ao ensino na bisbarra. Neste sentido xa presentaron un proxecto de cara a que se poña en marcha un comedor municipal que dea servizo aos escolares de Redondela.