Os traballos realízanse ao abeiro do Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra cun investimento de máis de 434 000 euros e permitirán dotar de servizos de saneamento e abastecemento de auga a diferentes núcleos situados na contorna do pazo de Torres Agrelo.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, subliñou a importancia dos traballos que se van a acometer que “melloran substancialmente os servizos básicos que se prestan á veciñanza da zona”. Con esta actuación e outras de similares características que se emprenderán nos vindeiros meses, “o Goberno socialista continúa a traballar na eliminación da fenda que, no relativo á prestación de servizos, había entre os núcleos rurais e núcleos urbanos”. Rivas lembrou a necesidade de “cohesionar o municipio a través da creación, mantemento e potenciación dos servizos básicos nas parroquias”.
As obras, que se realizarán no lugar de Agrelo, revisten unha especial complexidade ao discorrer en parte delas na traza do Camiño Portugués pola Costa, figura protexida no catálogo do Plan básico autonómico. Amais, para evitar a realización de traballos non interior da finca do Pazo Torres de Agrelo, optouse pola opción máis vantaxosa, técnica e economicamente, de bordear dito elemento patrimonial.
Unha vez rematadas as obras de saneamento e abastecemento, procederase ao asfaltado da totalidade dos camiños públicos afectados. Nas obras que afectan á traza do Camiño Portugués pola Costa, o pavimento que se fará de forma axeitada atendendo ao carácter deste elemento patrimonial e os elementos de rexistro e enlace colocaranse ordenadamente.