A alcaldesa Digna Rivas, presente no “adestramento reivindicativo” celebrado na tarde de hoxe na Alameda polo Club de Atletismo de Redondela (CAR) asegura que xa se deron todos os pasos por parte da administración local para lograr que o acondicionamento na pista do IES Illa de San Simón sexa unha realidade. Neste sentido apuntou que tan só falta que a Xunta remita o convenio para acometer as obras de acondicionamento nas instalacións do centro educativo e que “xa hai unha partida nos orzamentos para realizar esa actuación”.
Os rapaces e rapazas que forman parte da escola de atletismo celebraban esta tarde un adestramento na Alameda para reclamar unhas instalacións dignas nas que practicar este deporte. Actualmente, segundo explicaba o presidente da Asociación, Manuel Ulla, vense obrigados a desprazase ao Centro Galego de Tecnificación de Pontevedra malia levar seis anos reclamando estas pistas.
A alcaldesa, Digna Rivas, xunto co concelleiro de Deportes, Nacho González, asistían a este adestramento e confirmaban que os trámites para que estas pistas sexan unha realidade están xa en marcha “estamos agardando a contestación da Xunta de Galicia para aprobar o convenio que permitiría acondicionar a pista de atletismo nas instalacións do Instituto Illa de San Simón que consideramos é o lugar idóneno e máis rápido para contar en breve cunhas instalacións en condicións para o público en xeral e para os deportitas do CAR en particular.
Asegura Rivas entender “a desesperación de país, nais e do propio club, pero queremos que saiban que en todo momento estivemos traballando co obxectivo de lograr que esa pista sexa unha realidade e insistía en que “o convenio é necesario ao tratarse de terreos da Xunta pero nos que se vai crear unha instalación que buscamos estea a servizo de toda a cidadanía e non exclusivamente do centro educativo”.
Confirmaba ademais que “hai xa unha partida orzamentaria de 150.000 euros que serviría para acondionar a propia pista, cantidade xa consignada dentro do borrador dos orzamentos municipais que confiemos conten co apoio da corporación para a súa aprobación”.