Augas de Galicia ven de resolver un expediente sancionador impondo unha multa ao Concello de Pazos de Borbén por verteduras de augas residuais. Ademais, o organismo autonómico sinala diversos incumprimentos da autorización de vertido que poden derivar na apertura de novos expedientes.
Durante dúas inspeccións levadas a cabo en xuño de 2021, Augas de Galicia detectou vertidos de augas residuais industriais ao Alvedosa procedentes da EDAR de Amoedo que superaban os límites máximos admitidos de diversos parámetros. Isto motivou a apertura dun expediente sancionador que se resolveu a finais do pasado ano.
Despois de que non prosperaran as alegacións presentadas polo Concello de Pazos de Borbén, Augas de Galicia resolveu impondo unha sanción de 5.000 € por diversos incumprimentos da autorización de vertido, como son: vertedura de augas residuais con superación dos límites admitidos en varios parámetros; falta de realización e remisión de autocontrois e falta de funcionamento do tratamento de desinfección.
A Agrupación de electores Alternativa veciñal, advirte de novos expedientes sancionadores xa que “non se trata dunha sanción puntual por un problema illado, senón diante dunha falta grave de traballo e organización do goberno municipal que poden conlevar novas sancións. Enriba da mesa do Concello hai outro requirimento de Augas de Galicia por diversos incumprimentos, que moi probablemente vai derivar na apertura dun novo expediente”.
Así, Augas de Galicia pídello ao Concello que xustifique as causas do incumprimento detectado nun control de vertido do ano 2019, no que a analítica amosou un nivel de sólidos en suspensión máis de 10 veces superior ao límite máximo. Tamén demanda o organismo autonómico o envío dos resultados dos controis periódicos que, segundo as condicións da autorización, ten que realizar obrigatoriamente o Concello. Segundo a comunicación enviada, os resultados dos controis do ano 2020 non foron enviados a Augas de Galicia malia serlle requiridos ao Concello en diversas ocasións.