O Concello de Soutomaior pechou esta semana o programa xuvenil Vandalismo Baixo cero, levado a cabo en colaboración co colexio Santiago Apóstolo de Arcade e na que participaron máis de 60 alumnos. A iniciativa tiña como obxectivo sensibilizar aos participantes sobre o efecto global destas condutas incívicas e buscar a súa implicación para reducir a incidencia destes actos entre os sectores máis novos da sociedade.
Durante as últimas semanas os alumnos participaron nun total de 10 sesións nas que levaron a cabo un traballo de investigación social. Acompañados polos seus profesores, os escolares percorreron as rúas do municipio sacando fotografías, entrevistando os veciños e recompilando toda clase de información útil que logo analizaron en clase. O resultado é unha serie de vídeos nos que os alumnos expoñen as repercusións negativas que teñen estes actos a nivel económico, social e persoal.
A última das sesións do programa contou coa participación da Policía Local de Soutomaior, que ofreceu unha pequena charla aos alumnos sobre as consecuencias e responsabilidades que poden afectar os autores de actos vandálicos.