A comparecencia ven dar resposta a unha petición de AER, quen solicitaron que o edil Alberto Alvarez aclarara no pleno de hoxe a situación na que se atopa o expediente de penalidades aberto a Urbaser en 2020. A Agrupación lembra que xa tentara incluir este mesmo asunto no Pleno de novembro do pasado ano sen conseguir finalmente que fóra tratado. Unha sesión que arrancará ás 20:00 horas e na que se espera tamén a comparecencia de Digna Rivas, neste caso para explicar a situación de Aucosa a petición do BNG.
AER considera “urxente que se expliquen os motivos polos que non se resolve o expediente a Urbaser así como os controis e seguimentos que se lle está a facer á concesionaria aportando informes e números de expediente onde estean rexistrados”.
A Agrupación de Electores durante a súa etapa no goberno redondelán iniciara unha investigación sobre o traballo da concesionaria por reiterada mala praxis no seu servizo e, polo tanto, incumprimento de contrato. A raíz desta investigación e do informe técnico, o expediente de penalidades foi finalmente incoado no Pleno ordinario de febreiro de 2021 por unanimidade por todos os grupos municipais. “A día de hoxe, 365 días despois da incoación do expediente, a empresa concesionaria segue sen recibir unha sanción por incumprimentos no contrato que se repiten día a día, semana tras semana, cunha sensación de impunidade por parte de URBASER que tira beneficios debido os servizos que deixa de prestar a veciñanza e que está obrigada por contrato a realizar”, denuncian desde AER.