O proxecto busca situar novamente a Redondela como punto neurálxico das comunicacións. Lembran que malia contar cun total de catro estacións ferroviarias, unha en Cesantes e tres en Redondela, estas están infrautilizadas.
O sector ferroviario de CCOO reuniuse coa Asociación de Empresarios de Redondela para tratar sobre o impacto económico que achegaría á provincia a implantación dunha rede de proximidade. Un sistema de rede que potenciaría, especialmente, desde a liña do Miño, actualmente infrautilizada, as conexións de viaxeiros e mercadorías co norte de Portugal, dando servizo a unha poboación de ao redor dun millón de persoas dun e outro lado da fronteira.
Con este propósito CCOO tenta acordar con rexedores municipais, empresarios, institucións e outros axentes sociais un plan de transporte eficaz e sustentable en momentos onde se require por parte dos poderes públicos: descarbonización e enerxías máis limpas así como frecuencias e trens económico para mover á poboación de proximidade cara aos centros industriais, comerciais e de formación.
O presidente da asociación, Enrique Lago destacou a necesidade de mellorar a loxística do transporte ferroviario de viaxeiros. Ao seu entender resulta imprescindible que se conte co catro estaciones ferroviarias de Redondela e a intermodalidade, combinación de distintos medios de transporte, para potenciar o turismo e o comercio na súa área de influencia.
O municipio que conta con preto de trinta mil habitantes e limítrofe con Soutomaior, Pazos de Borben e Mos, que sumarían outro vinte e cinco mil, dispón actualmente de catro estaciones ferroviarias infrautilizadas e unha suprimida, Chapela, que daba servizo a preto de oito mil habitantes. Este importante volume poboacional vive de costas ao tren. “Chega o momento de preguntarse por que sucede isto e corrixilo”, indicou Lago.
A estación de Cesantes debería dar servizo á riqueza turística e cultural que ofrece a contorna e entre as estacións de Redondela Alta Velocidade dos Eidos, Redondela Picota e Redondela de Galicia debe darse unha solución de continuidade con transportes alternativos, habilitándose espazos para o aparcadoiro de vehículos e recargas eléctricas.
Tanto os empresarios como os sindicalistas acordaron manter reunións para completar o plan de consenso sobre necesidades de transporte ferroviario na provincia e as súas conexións coa Alta Velocidade, Media e Longa Distancia.