O Multiúsos da Xunqueira acolle este venres ás 19:30 horas un acto institucional co gallo de homenaxear as “madriñas” que socorrreron os presos políticos retidos na Illa de San Simón. Un acto que tivo que ser posposto o pasado mes de decembro por mor da situación sanitaria e que contará este venres con familiares das mulleres homenaxeadas así como a alcaldesa Digna Rivas, a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e amenizará o acto Noemí Salomón ao piano.
No transcurso do acto presentarase o documental no que se recollen testemuñas de familiares destas mulleres que “foron, son e serán exemplo de solidariedade”.
Un acto o deste venres que supón pechar unha serie de actividades desenvolvidas no noso concello co gallo da declaración do Ano das Mulleres de San Simón que sufría diversos atrasos por mor da pandemia. Unha declaración que buscaba dar a coñecer o acto de solidariedade que desenvolveron as chamadas “madriñas” que axudaron aos presos políticos retidos na illa de San Simón entre os anos 1936 e 1943. Un xesto valente cando nos situamos no contexto da guerra e represión franquista.
As mulleres foron un soporte fundamental para os presos e para as súas familias. Lavaron roupa, levaron comida, fixeron de correo, acolleron familiares, ofreceron abrigos e mantas… Unhas vivencias que foron silenciadas durante anos.
Nunha época en que a vida pendía dun fío, en que cada palabra ou acto a prol dos presos supoñía un risco persoal e familiar, as mulleres solidarias de Redondela antepuxeron o corazón humano e a xustiza social ao terror e ás represalias.