Chapela estará presente no campionato de España que se celebra este sábado 30 e domingo 1 de maio na localidade de Pasaia no Pais Vasco. O club de remo de Chapela logrou clasificar un total de dúas embarcacións tras os resultados obtidos no campionato galego de bateis celebrado esta fin de semana en Rianxo.
Julio Prado, “Foi unha regata moi competitiva”
Segundo o presidente do club Julio Prado “a vitoria na regata galega foi algo esperada, grazas o esforzo e traballo en equipo da canteira”. Ademais, destaca a traxectoria do equipo de Absoluto Feminino que xa conta cun título de campioas de España.
No club teñen marcado o ambicioso reto de chegar a final, para a que se están preparando de forma intensa, entrenando unha media de dúas horas diarias. Un sacrificio necesario que os equipos levan facendo ano tras ano.
Todos os anos compiten en bateles no País Vasco, unha zona “moi cara e difícil de xestionar”, sinala Prado. O club conta cun presuposto anual que cubre parte dos gastos de transporte e dietas. A esta partida engádese a axuda proporcionada polo Concello na súa iniciativa para a promoción dos equipos redondeláns.
Julio Prado da as grazas a afección por animar os equipos a seguir sumando éxitos e espera que as bandeiras axuden a captar máis socios. Agora mesmo contan con 80 fichas nas categorías máis baixas algo “extraordinario para un deporte tan sacrificado como o remo”.
Para ver a final do domingo no País Vasco, o club espera que “a TVG teña o ben de emitir a final como fixo outros anos”, sinala o presidente. Para aqueles afeccionados que non poidan estar atentos a retransmisión tamén poderá seguirse nas redes a través de “Info remo” e “Todo remo”.