A imaxe do escritor que lle da nome á biblioteca de Redondela pódese ver xa nunha das salas do Multiúsos. Trátase dun retrato sobre lenzo de Ramón María del Valle-Inclán e que foi enmarcado polo carpinteiro do Concello seguindo as indicacións do propio pintor e restaurador redondelán.
Durante a Semana do Libro a biblioteca de Redondela recibiu un verdadeiro agasallo da man do pintor e restaurador local Ángel Barros. No acto de presentación deste cadro, que xa está pendurado no lugar de honra que lle corresponde nunha das salas da biblioteca que leva o seu nome, estiveron presentes a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o autor da obra, Ángel Barros; a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e a directora da Biblioteca Elena Becerra.
A alcaldesa Digna Rivas, agradeceu a Ángel Barros este agasallo “que afonda aínda máis no estreito vínculo que une a Redondela e Valle-Inclán”. Nese sentido, a rexedora local lembrou que, hai uns meses, o Concello decidiu trasladar o busto do ilustre autor “antes na praza de Figueroa onde pasaba case que desapercibido, a un lugar onde adquire a importancia que merece, como é á entrada do Multiúsos da Xunqueira, onde está situada a Biblioteca redondelá.
Digna Rivas lembrou que Ángel Barros “está sempre disposto e de maneira altruísta a colaborar coas iniciativas promovidas pola institución”. De feito, as portadas dos libros dedicados ás parroquias, promovidos dende o Servizo de Normalización Lingüística, son tamén obras súas.
Por último, a Alcaldesa indicou que Redondela está comprometida coa obra de Ángel Barros, como consta na declaración aprobada o pasado ano polo Pleno municipal e adiantou que se está a traballar “no proxecto museístico e na documentación para formalizar a entrega da obra de Ángel Barros ao pobo de Redondela”.